
CEMITERIOS: Pereiró, Vigo (Pontevedra)
Situado na parroquia de Castrelos, en Vigo, é a necrópole máis importante entre un total de oito (Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Lavadores, Teis e Zamáns), que ten esta cidade.
A súa construción debeuse á expansión experimentada por Vigo a finais do século XIX, xa que os dous cemiterios que había, Picacho e Santiago, quedaran pequenos. A Corporación Municipal buscou unha nova radicación, lonxe do centro urbano para a construción desta nova necrópole. O proxecto foi deseñado por Jenaro de la Fuente Domìnguez, quen dividiu o espazo en dous grandes paseos centrais en forma de cruz e oito corredores que o subdividen en 16 cadrados para ser ocupados por panteóns, sepulturas, fosas comúns e un cemiterio civil.
Inaugurado en marzo de 1898, dende estas datas, moitas foron as personaxes inhumadas neste lugar, pasando a habitar os grandes panteóns que distinguen a este cemiterio. Podemos destacar algunhas delas, por exemplo a finais do século XIX foron soterradas Concepcion Arenal, cuxo mausoleo saúda na entrada á xente que visita este sitio; a José Elduayen; e, 153 soldados repatriados de Cuba e Filipinas ao remate da guerra con EE.UU., con panteón localizado na entrada á esquerda. Durante o século XX nomear a José García Barbón, Antonio Sanjurjo Badía, e o propio Jenaro de la Fuente, Ricardo Mella… e, a maioría das persoas asasinadas durante a Guerra Civil, xa que utilizaban os muros como paredóns de fusilamento. Xa no que vai de século, lembrar a Xela Arias e Carlos Oroza, ambos soterrados, a diferenza dos anteriores, en tumbas moito máis humildes.