VILAS E CIDADES: BETANZOS (A CORUÑA)

portada- 72 ppp

Lembraba a Betanzos como lugar de paso nas miñas viaxes a Ferrol dende Vigo, cando aínda non había autoestrada. Transitaba pola N-VI que a bordeaba, sen fixarme, coas presas que levan sempre este tipo de desprazamentos, sen tempo para parar e poder gozar das vilas e paisaxes polas que pasaba, pensando daquela que algún día ía visitala con tempo para poder perderme entre as rúas do seu precioso casco histórico, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1970, e aproveitar para coñecer e fotografar a maioría dos seus monumentos.

Este día chegou e como tiña augurado extravieime polas estreitas rúas desta vila, convertida en cidade alá polo ano 1465 durante o reinado de Henrique IV. A viaxe agora leva menos tempo (unha hora e media) e é máis doada, indo pola autoestrada AP-9, antes de chegar á peaxe de Coruña, desvíome no km 16 (saída 565) cara Lugo-Arteixo-Madrid, continúo pola indicación Lugo-Madrid e a partir de aquí sigo as indicacións que van aparecendo para Betanzos. Ó chegar fun recibida pola gran concentración de postos da primeira feira do mes de outubro que había na praza da Constitución.

A pesar dos incendios sufridos nos anos 1569 e 1616 que foron motivo dunha masiva destrución de casas, o seu casco histórico é un dos mellores conservados de Galicia e, na parte máis alta do castro de Untía, sobre a que se comezou a asentar a cidade, pódense ver as edificacións máis emblemáticas: Concello, Pazo de Bendaña e Torre do reloxo.

A súa decadencia reflíctese nas fermosas casas antigas que aínda seguen en pé resistíndose ao paso do tempo, moitas restauradas e outras pendentes de ser restablecidas, pero que no seu conxunto transmiten a historia desta cidade. Chamáronme a atención os vellos comercios que aínda se conservan abertos, algúns aproveitados para a venda de produtos “vintage”.

Betanzos está considerada como a capital do gótico galego e como mostra, tres igrexas catalogadas:

  • A de Santiago, situada no cumio do castro, construída entre os séculos XIV-XV sobre unha estrutura románica anterior. O seu pórtico está inspirado no compostelán Pórtico da Gloria.
  • San Francisco, igrexa construída no século XIV, unha das alfaias máis esplendorosas do gótico galego que alberga no seu interior unha extraordinaria concentración de sartegos nobiliarios entre os que se atopa o coñecido co nome de “conde” Fernán Pérez de Andrade.
  • Santa María de Azougue, levantada entre os séculos XIV-XV, que xunto coa anterior é outra das mostras máis destacadas do gótico galego. No adro da igrexa está o Cruceiro de Santa María un dos de máis sona de Betanzos.

Por último, e para completar esta reportaxe fotográfica, fora do casco histórico podemos ver os últimos vestixios que quedan do parque chamado do Pasatempo, o primeiro parque temático e enciclopédico da península, que saía nas guías de viaxes de Europa. Comezou a construílo no ano 1893 Juan García Naveira, un dos personaxes máis ilustres de Betanzos, á volta da súa emigración a Arxentina onde conseguira unha gran fortuna que logo investiría creando proxectos na súa terra, como este, que máis tarde doaría á cidade. Nas súas orixes este parque contaba con máis de 90.000 m2, divididos en dúas partes: a dos xardíns que se estendía na parte chan do terreo e que ocupaba a maior parte do mesmo, e a do Pasatempo, que ocupaba a parte alta, na que Juan García procurou plasmar as visións das súas viaxes ó longo do planeta para mostrarllas a todas as persoas que as quixeran ver. Coa morte do seu creador no ano 1933 e a chegada da Guerra Civil tres anos máis tarde, o parque comezou a súa decadencia. O seu abandono xunto coa miseria da posguerra fomentou que moitas persoas arrancaran os canos de ferro e de chumbo de todo o conxunto, quedando nun estado lamentable moitas das súas figuras. Foi no ano 1986 cando o concello mercou a finca para adecuala e abrila de novo ó público. Unido a este parque, mediante unha pasarela atópanse os novos xardíns, na zona onde antes estaban parte dos elegantes xardíns de principios do século XX.

PARA SABER MÁIS:

As fotografías desta páxina foron feitas cunha máquina reflex Nikon D5000 – Nikon DX AF-S NIKKOR 18-200mm 1:3,5-5,6 GII ED

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s