Illa de Tambo

Como se dunha incursión de piratas se tratara, a xente do común podemos visitar a Illa de Tambo dúas veces ao ano, non para esquilmala, como fixo Francis Drake no seu día, senón para paseala, para admirala e somerxermos na súa historia e nas súas lendas, entre as súas pedras e os seus sendeiros, para pisala e sentila nosa, da veciñanza.

Esta illa atópase no fondo da ría de Pontevedra e pertence ao concello de Poio, aínda que o seu acceso está administrado pola Escola Naval de Marín. É unha illa moi pequena, chegando o seu perímetro a acadar uns catro km. Un roteiro circular permite percorrela en moi pouco tempo e internarnos nas pequenas calas de auga cristalina, de cor turquesa.

A propiedade da illa, pasou por numerosas mans: Xa no século VI Martiño de Dumio construíu unha capela que anos mais tarde pasaría formar parte dun mosteiro fundado por San Fructuoso, monxe bieito; foi propiedade da raíña Dona Urraca alá polo século XII, quen a doou ao convento de San Xoán de Poio; os veciños de Combarro usárona durante moitos séculos traballando as súas terras e celebrando romarías; no século XVI foi vítima do saqueo do corsario Francis Drake quen arrasou por completo as instalacións alí existentes e, no século XIX, coa desamortización de Mendizábal, foille retirada a súa propiedade aos monxes de Poio para pasar anos despois ás mans do ministro de Xustiza, Montero Ríos cuxos herdeiros venderíana no ano 1943 á Armada.

Aínda hoxe, a illa de Tambo pertence ao Ministerio de Defensa, onde hai poucos anos mantiña unha base militar. As dúas visitas anuais que se poden realizar, baixo a autorización de Defensa, están organizadas pola AVCR de Combarro e a Comunidade de Montes Rega dous Agros nos meses de xullo e agosto, ambas pertencentes ao Concello de Poio.

Desembarcamos no pequeno peirao e continuamos andando polo sendeiro da zona Leste. O primeiro que nos atopamos á dereita é a fermosa Praia Area da Illa, un dos areais máis grandes, e á esquerda, no monte, as paredes dunhas casetas sen tellado con mesas e bancos contiguos, construídos de obra que utilizaban os militares. Seguimos o sendeiro e damos coas ruínas da pequena capela de Tambo, reconstruída no século XVIII, da que só se manteñen as paredes de pedra en pé incluída a espadana da súa fachada principal. Uns metros máis adiante atopámonos diversas construcións, abandonadas, entre elas uns barracóns onde permanecían os militares encargados da vixilancia da illa e unha polvoreira escavada na terra. Neste mesmo lugar, entre as árbores, e tentáculos de silveiras, permanecen en pé as paredes dunha antiga construción de pedra que foi lazareto no período comprendido entre o 1865 e o ano 1879, data na que sería trasladado á illa de San Simón. Continuamos polo sendeiro cara Oeste, por unha zona rochosa e escarpada onde podemos ver pedras graníticas tradeadas polo vento, quen se encargou de darlle formas caprichosas. Desviámonos do sendeiro á dereita para percorrer outro, moi perigoso e inaccesible polo escarpado do terreo, que nos leva cara o Sur da illa, ó Faro de Tenlo, enclavado na península do mesmo nome, onde existe tamén un pequeno peirao cunha praia. Volvemos sobre os nosos pasos ao roteiro principal e proseguimos para pechar o círculo, que nos deixa de novo no molle principal, pasando antes por unha pequecha e inaccesible cala, a Praia de Adreira, onde din que se celebraban bautizos nocturnos a católicos protestantes a finais do século XIX.

Nas súas orixes a vexetación da illa era de matogueira baixa, abundando as xestas, toxos e breixos. Na actualidade está arborada con eucaliptos plantados polos militares, que conforman un chan, fora do roteiro, cheo de cortizas caídas das árbores que se amontoan formando un gran e incómodo colchón impenetrable á luz, que impide medrar outro tipo de vexetación. Nos pequenos ocos que deixan os eucaliptos pódese ver parte da matogueira baixa, fentos, algunhas mimosas e piñeiros.

Vídeos:

Julio Rodríguez. Documental “Prisioneira do olvido. Illa de Tambo” (12:40 minutos)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s