Ruta do Foxo, Carballedo, Cotobade (Pontevedra)

En Galicia hai sendeiros con moito encanto, como o chamado Sendeiro do Foxo, que parte de Carballedo, concello de Cotobade. Un sendeiro debidamente sinalizado con marcas brancas e amarelas, de 12 km de distancia e de dificultade media, que se pode percorrer en tres horas.

Eu non puiden facelo completo porque comezou a chover no medio do percorrido e tiven que dar volta, pero o pouco que puiden facer non me deixou indiferente, polo que penso volver para rematalo.

Sáese do mesmo Carballedo, atravésase o río Almofrei e súbese por unha antiga congostra, que nos leva polo medio dun bosque de castiñeiros, acivros e carballos, entre contrastes de cores ocres e verdes.

Ó pouco tempo de comezar a andaina chégase á Fonte do Sabugueiro, precioso lugar onde o tempo deixou as súas pegadas nas ruínas de dúas construcións, de dúas casas de pedra abandonadas, acopañadas dos seus hórreos, que polos detalles arquitectónicos que quedan en pé pódese adiviñar o esplendor que viviron na súa época. Agora, os seus muros están cubertos de musgo e no seu interior dan acubillo as lianas das silveiras.

Uns metros máis adiante hai unha sinalización que indica o camiño que vai o Foxo do Lobo, unha construción tradicional, constituída por un par de valados de cachotería, que forman no terreo os dous lados dun triángulo onde no seu vértice hai un furado escavado no chan, o foxo, no que os lobos eran capturados ou mortos. Manuel Rivas describe moi ben a caza colectiva do lobo nos foxos, prohibidos xa no século XIX, no seu último libro “O último día de Terranova”: Os veciños empurraban o lobo cara ao foxo, facendo unha corda de ruído, un cerco intimidatorio, berrando e batendo paus e ferros. E con lume de fachos, se era de noite. Conducían o lobo á trampa. Morría na trampa. Espetado. Unha morte cruel, sen dúbida.

O sendeiro rematou este día coa chuvia, na fonte de Arufe, unha sinxela fonte co bico de pedra escondido baixo o musgo, que recolle a auga da montaña. Neste lugar tamén hai unha antiga vivenda de pedra, tamén abandonada, acompañada do hórreo disimulada entre as árbores.

As fotografías desta páxina foron feitas cunha máquina reflex Nikon D5000 – Nikon DX AF-S NIKKOR 18-200mm 1:3,5-5,6 GII ED

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s