VILAS E CIDADES: GANDÍA (VALENCIA)

gandia-as-praias -1

Hai un ano viaxei á Comunidade Valenciana, unha parte da península ibérica que descoñecía. Durante este tempo, visitei tres localidades. Por orde de importancia demográfica: Valencia, Gandía e Guadalest.

Comezarei relatando o que percibín sobre o visto en Gandía, unha cidade que segundo o INE do ano 2013, conta con 78.678 habitantes, uns 4.000 habitantes menos que Pontevedra, para facérmonos unha idea do seu tamaño. Atópase situada no sueste da provincia de Valencia, sendo a capital da comarca da Safor. É un dos destinos turísticos importantes da Comunidade de Valencia, pero fora de temporada, en primavera, época na que estiven, pódese gozar de todos os seus atractivos pola falta de aglomeracións, a ausencia de colas e, en suma, pola tranquilidade na que se vive.

Gandía consta de dúas partes ben definidas, o núcleo urbano e a zona de praias, ás que se pode acceder utilizando o transporte público.

A praia ten unha extensión aproximada de catro kilómetros e medio, estendéndose polo norte cara os municipios de Xeresa e Xeraco, limitando no sur cos peiraos do porto pesqueiro e o deportivo. É unha zona repleta de edificacións destinadas ao turismo que chegan a flanquear toda a costa do areal. Nesta zona atópase a Igrexa de San Nicolás, inaugurada no ano 1962, coincidindo co despegue turístico de Gandía, un dos exemplos máis representativos da arquitectura relixiosa do século XX, obra do arquitecto Eduardo Torroja, Marqués de Torroja. Dáse a circunstancia que a súa construción foi financiada por Vicente Calderón, que fora presidente do Atlético de Madrid, coa condición de que á súa morte fose enterrado nela.

Fronte a igrexa, ao outro lado da ponte sobre o barranco de Beniopa ou de Sant Nicolau, atópanse os tinglados do porto, construídos no primeiro terzo do século XX. Forman un fermoso conxunto de naves abovedadas, coa Torre do Reloxo no medio.

Xunto aos tinglados, podemos ver a rula do peixe, onde os visitantes poden coñecer de cerca as artes e oficios dun dos traballos que aínda conserva o seu encanto.

O núcleo urbano, separado das zona de praia uns vinte minutos en bus, é agradable para o paseo. As rúas son estreitas, algunhas están lousadas con anacos de pedra de mármore de diferentes cores formando figuras xeométricas. Na andaina atópanse tamén construcións que poñen de relevo a orixe da Gandía actual, que se remonta a época musulmán.

Visitei algunhas das súas edificacións máis emblemáticas, entre elas, o Palacio Ducal, coñecido tamén como o Palacio dos Borja (familia máis coñecida como Borgia no idioma italiano, que traduce a carencia da letra “j” polas “gi”). Situado na rúa Duc Alfons el VeLL, este palacio é un dos edificios de arquitectura civil máis característicos e impresionantes do seu tempo. Levantado no Tossal, ou parte máis alta da cidade, naceu como un castelo urbano, seguindo o modelo do gótico civil catalano-aragonés e rematou transformado nun cómodo palacio fortificado. Ó longo dos séculos foron sumándose diversos estilos arquitectónicos e decorativos: renacentista, barroco e neogótico. Destacan a porta de entrada con arco de medio punto (pechada co seu ferrollo orixinal) e o ástrago como elementos máis antigos do palacio gótico, así como o patio de armas, o Salón de Coroas e a barroca Galería Dourada.

Foi a residencia principal dos Duques Reais da Coroa de Aragón dende o século XIV e no ano 1485, o cardeal Rodrigo de Borja, nomeado papa Alejandro VI, mercou para os seus descendentes o ducado de Gandía, establecéndose a dinastía dos duques Borja ata o ano 1740. Entre eles destaca o IV duque San Francisco de Borja. Dende 1887 é propiedade da Compañía de Jesús onde comparten espazo cunha escola.

Subindo pola mesma rúa do Palacio Ducal, chegamos a Praza Maior, e nela, atopámonos con dous dos edificios máis representativos da cidade: O Concello e a Colexiata.

O edificio do Concello foi construído en 1778, durante o reinado de Carlos III. A súa fachada é de estilo neoclásico e sobre a balaustrada superior vixían catro bustos que representan ás catro virtudes que todo bo político, din, debe cumprir: prudencia, temperanza, xustiza e fortaleza. No ano 1982 o edificio foi totalmente remodelado, conservando unicamente a fachada do século XVIII.

A Colexiata, templo parroquial de estilo gótico catalano-aragonés, foi construída entre os séculos XIV e XVI. Consta dunha soa nave con capelas laterais acaroadas ós muros. Destaca a porta sur, chamada Porta de Santa María ou do Mercado e a Porta dos Apóstolos. Sobre ela, unha lenda conta que séculos atrás viviu na cidade Ducal unha fermosa doncela. A morte viu vela un día que, ao pasar preto da Colexiata, un pétalo de “xasmín” caeu sobre a súa cabeza. Gañouse a pulso a súa “delicadeza” xa que toda a comarca soubo que morrera por ter sido rozada por unha flor. Ninguén podía pensar que se trataba dun frío e pétreo “xasmín” da fachada da igrexa.

Seguindo pola rúa I’Assumpció chegamos á rúa Major que desemboca na Praza das Escolas Pías. Aquí pódese ver un edificio renacentista que foi colexio de San Sebastián, fundado no ano 1546 nunha ermida fora de portas que sería a primeira Universidade da Compañía de Xesús. Tras a expulsión dos xesuítas no ano 1767, a Universidade entrou nun período de decadencia e pechou en 1772. No ano 1806, o Concello de Gandía cedeu o edificio aos Padres Escolapios para abrir un colexio, que existe dende entón. A igrexa construíuse entre 1605 e 1637. Fronte o edificio, está o conxunto escultórico que rende homenaxe aos membros máis celebres da familia Borja: os dous papas Borja, Calixto III e Alejandro VI, dous dos fillos del, César e Lucrecia Borja, e o IV Duque e patrón da cidade, Francisco de Borja.

A rúa Major vai desembocar, no outro extremo, ao bulevar Les Germanies. Nel atópase a Casa da Cultura, chamada Marqués de González de Quirós, tamén coñecida como Casa da Marquesa. Foi reconstruída a finais do século XIX por unha das familias burguesas máis ricas da cidade, os Vallier Lapeyre. O edificio é de estrutura defensivo-palatina, consta de planta baixa, planta nobre e segundo piso. Destaca a escaleira interior de mármore e varanda ornamentada con finos ferros dourados, así como as portas de madeira moi traballada, as reixas e os balcóns de ferro forxado. No seu interior consérvase parte do xardín romántico con árbores singulares que ademais ofrece servizo de cafetaría.

Detrás da Casa da Cultura está a Praza del Prado, unha gran explanada aberta a finais do S XIX, onde durante décadas radicou o mercado de abastos. O mercado caracterízase polo seu tellado de ferro. As cubertas orixinais foron colocadas nos anos trinta do século XX.

Na proximidade, no barrio do Raval, habitado por musulmáns dende a conquista do rei Jaime I no século XIII, ata a súa expulsión por orde de Felipe III no ano 1609, encóntrase a igrexa de Sant Josep, que se erixe sobre unha antiga mezquita. Aínda que non segue as pautas do urbanismo andalusí, pois data do século XIII, o barrio do Raval aínda evoca o tempo no que acollía á poboación musulmán gandense nas súas casas baixas, das que destaco portas e ventás, e rúas estreitas e sombreadas que invitan a un paseo pola memoria. O actual templo substitúe a outro anterior construído en varias fases dende o século XVI. Contaba con seis capelas e un retablo barroco no altar maior. Consérvanse documentos que testemuñan que, en 1554, numerosos veciños, entre eles sete mouriscos, aportaron doazóns para a construción da nova igrexa dedicada ó Gloriós sent Joseph. Chama a atención o emprazamento do campanario, separado do resto do edificio.

Outros edificios históricos que podemos visitar son o Convento de Santa Clara e o Hospital de Sant Marc, cerca do Concello. O primeiro deles trátase dun convento de clausura fundado en 1429 por Violant d’Aragó e refundado a mediados do século XV por un grupo de monxas francesas. O segundo, mantivo a súa actividade como hospital, ininterrompidamente durante máis de 600 anos, dende o século XIV ata 1973. Arquitectonicamente destacan a Sala de Homes, con arcos apuntados de estilo gótico e as bóvedas da Sala de Mulleres. Actualmente acolle o Museo Arqueolóxico de Gandía (MAGa) e o Museo de Santa Clara.

Paseando entre as rúas e prazas pódense descubrir outras construcións que chaman a atención, como antigos cines ou flora moi singular como árbores chamadas vulgarmente árbol botella ou palo borracho, da familia Bombacaceae, de porte moi grande que ten de atractivo o seu tronco polos pinchos ou espiñas.

A miña visita coincidiu coa Semana Santa, que en Gandía está considerada como Festa de Interese Turístico Nacional, contando no seu haber con 18 irmandades. Sen contar con ela, vinme sorprendida na terraza dunha cafetería polo desfile de bandas que circulaban ó son da música por diferentes rúas anunciando a inminente procesión, e por xentes que pasaban vestidas con capas de diferentes cores, levando nas mans o capuchón. Foi unha sensación de estar vivindo os preparativos previos a unha gran rodaxe cinematográfica onde todas as persoas corren a ocupar os seus postos antes de que a claqueta se peche e comece a rodaxe da ficción.

Artigo publicado no 2016

As fotografías desta páxina foron feitas cunha máquina reflex Nikon D5000 – Nikon DX AF-S NIKKOR 18-200mm 1:3,5-5,6 GII ED

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s