TENERIFE (Arquipélago Canario)

Abril de 2019.
Esperei a que pasara o entroido, declarado Festa de Interese Turístico Internacional nesta illa canaria de Tenerife, razoando eu, que así non habería tanta xente e que, sendo no mes de abril a visita, a primavera sería unha estación excelente para facer fotografías. Pero, para miña sorpresa, o tempo non acompañou, e a choiva e a néboa perseguíronme na maior parte dos días que durou a miña estancia.


Tenerife é a illa máis extensa do arquipélago canario, polo que, de querer coñecer a maior parte dos seus recunchos, necesítanse uns seis días. Unha autoestrada circunvala case que toda a illa, dende “Puerto de la Cruz”, situado ao norte, ata “Adeje”, no oeste; o que facilita a visita das diferentes cidades, pois dada a súa abrupta orografía, o resto das estradas son estreitas e con moitas curvas.


O primeiro día, percorrín parte da zona oeste. Saíndo da zona de “Realejos”, situada ao norte da illa, onde estaba asentada, fun en coche por unha estrada comarcal suficientemente ancha, con dous carrís, e con moi poucas curvas, percorrendo as pequenas vilas situadas ao noroeste da illa: “San Juan de la Rambla”, co seu fermoso casco histórico; “Icod de los vinos”, cun ben coidado centro antigo, visitas ao Museo Guanche, á árbore do Drago e ao “Mariposario”; e, “Garachico”, destacada polas súas piscinas naturais, onde degustei unha moi boa comida típica da zona, no restaurante “Mirador de Garachico”.


O segundo día visitei, utilizando a autoestrada para desprazarme, “San Cristobal de la Laguna”, coñecida como “La Lagunda”, situada na zona norte. Nela ten a súa sede a primeira universidade fundada en Canarias e o primeiro e máis antigo instituto das illas. O seu casco histórico foi declarado patrimonio da humanidade pola Unesco en 1999. Ademais de pasear polas fermosas rúas, todas horizontais, visitei a Igrexa Catedral “Nuestra Señora de Los Remedios”, que ten a súa orixe no século XVI, declarada Ben de interese Cultural en 1983, co seu interior neogótico e fachada neoclásica; o Museo de Historia de Tenerife e a Casa Lercaro. De volta a “Realejos” pola tarde, parei en “Puerto de la Cruz”, vila turística situada no val da “La Orotava”.


Na terceira xornada elixín o oeste, sucando as angostas e sinuosas estradas que me levarían aos casaríos de “Teno Alto” e “Masca”. Antes de comezar a subir ao “Teno Alto”, parei nunha pequena vila chamada “Los Silos”, con mercado de produtos locais na praza, onde merquei nésperas e gocei do seu pequeno e ben coidado casco antigo. Parei tamén no miradoiro dos “Altos de Barracan”. Chegada a “Teno Alto” impresionáronme as fermosas vistas que hai das abruptas montañas e de empinados barrancos, todo un espectáculo xeolóxico de vertixe. Continuei ata “Masca” un lugar que destaca pola súa arquitectura tradicional, onde as casas parecen pendurar das montañas con accesos case que imposibles. Aquí comín, nun dos numerosos restaurantes da zona, comida popular (queixo asado e guiso de cabra).



A elección de ir cara ao norte da illa, tomeina na cuarta xornada da viaxe. “La Orotava”, é un municipio dentro do que está o Parque Natural do Teide, e foi declarado Conxunto Histórico Artístico Nacional en 1976. É un Conxunto Monumental que se atopa incluído no Inventario de Protección do Patrimonio Cultural Europeo. Paseando polas súas belas e empinadas rúas, visitei a Casa dos balcóns, o Museo Etnolóxico, o seu fermoso centro histórico.


Pola tarde continuei pola autoestrada ata chegarme ao nordeste, a Santa Cruz de Tenerife, capital da illa e do arquipélago ata 1927, no que se establece que se comparta a capitalidade do arquipélago coas Palmas de Gran Canaria. Ademais de ser coñecida polo seu entroido, un dos máis famosos do mundo, destaca nesta cidade o Auditorio de Tenerife, unha obra arquitectónica de Santiago Calatrava e o seu grande e histórico centro.



Na quinta xornada percorrín a zona sur occidental da illa, visitando diferentes vilas: Santiago do Teide foi a primeira parada, onde visitei o Museo do volcán, interesante visita comentada por un vulcanólogo que transmitiu moi ben a erupción do volcán “Chinyero” en 1909, un dos últimos episodios eruptivos desta illa; “Adeje” foi a seguinte vila, un importante núcleo turístico cheo de restaurantes e hoteis, que posúe a maior parte dos espazos incluídos na Rede Canaria dos Espazos Naturais Protexidos, como a Reserva natural especial do Barranco do Inferno, lugar que visitei, e onde tamén comín nun dos establecementos máis populares, o Bodegón Damary, onde degustei un polo picante exquisito. Máis cara o sur está “Los Cristianos”, outra vila turística sen maior interese.


Continuei pola autoestrada en dirección este, ata o municipio de “Güímar”, coa intención de visitar as pirámides do mesmo nome, pero este parque etnográfico privado e rexido por estranxeiros non se axusta aos horarios da illa e xa estaba pechado, así que as fotos que se poden ver están feitas dende fora.



O mal tempo non melloraba, e fora retrasando a inevitable visita ao Teide para ver si atopaba ese día que me permitira chegar ata o cumio, situado a unha altitude de 3.718 metros sobre o nivel do mar. Así que, non me quedou máis remedio que intentalo na última xornada.


O Teide está situado na zona centro, e forma parte do Parque nacional do Teide, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 2007. Entramos pola Orotava, subindo pola TF-21, estrada estreita con moita curva e empinada, ata 45º nalgúns tramos. Un dos atractivos desta subida é a Corona Forestal, ou masa boscosa de pino canario que rodea todo o Parque Nacional. Pasamos por “Pinolere” e “Aguamansa” ata chegar ao Miradoiro da Pedra, a uns 1600 metros de altitude, no que tiven que dar volta debido a chuvia e a névoa que impedía ver as sinuosas curvas.


Dirixinme a Santa Cruz de Tenerife, onde había mellor tempo, para comer na praia das “Teresitas”, no restaurante “Pandorga”, unha excelente comida de mariscos e peixe fresco na vila de San Andrés, moi coñecida polo turismo.


Logo desde San Andrés, fun pola TF-12 atravesando o macizo de Anaga (declarado Reserva da Biosfera no 2015), para chegar a Costa de Taganana pola TF-134, no nordeste da illa, unha das localidades importantes por ser a súa poboación unha das máis antigas. O macizo de Anaga é unha formación montañosa da que se desprenden profundos vales e barrancos que desembocan no mar formando nunha costa alta e rochosa con algunhas praias.


Dende o meu punto de vista, esta parte da illa, é quizais a máis impresionante e tranquila, sen apenas turistas por ser a zona menos coñecida. Unha zona imprescindible para visitar, con calma, e dedicarlle tempo, xa que nela existe unha rede de sendeiros que permiten chegar andando a lugares impenetrables por algún tipo de vehículo.

Ventás de Tenerife


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s