SENDEIRO DE O XABRIÑA, COVELO (Pontevedra)

Chegamos a Praza de Cotarel, en Paraños, Covelo. Aquí hai un panel, coa información deste sendeiro circular, que nos indica o seu código PR-G 119, a súa lonxitude (17 km formada por dous grandes aneis que teñen o seu punto de encontro na fermosa ponte Folón), o desnivel que nos atoparemos de 495 metros, o tempo do percorrido aproximado en 6 horas si se fai completo, e o nivel de dificultade, que neste caso é fácil.

O sendeiro percorre as parroquias de Paraños, Prado da Canda e A Lamosa, situadas no alto val que forma o río Xabriña, afluente do Tea. O principal punto de partida está en Paraños, pero tamén se pode comezar en moitos outros lugares: A Lamosa (N-120), Prado de Canda ou Corzós (na estrada da Franqueira). Dende Paraños, seguindo o curso do Xabriña, tamén se pode enlazar coa ruta dos muíños de Mouriscados.

Non tiñamos tempo para realizar os 17 km e decidimos facer un dos aneis, o marcado no mapa que ven a continuación.

Deixando o panel informativo á nosa dereita, dirixímonos á unha estreita rúa que queda á esquerda. Por esta rúa, chegamos ata o “Lagar da Cera” do Tío Bernardo, un pequeno museo onde descubrimos como elaboraban as velas e os exvotos os cereiros, unha profesión desaparecida nas parroquias a mediados do século XX.

Continuamos ata chegar a un cruceiro e tomamos o camiño da dereita, atopándonos uns metros máis adiante coa igrexa de Santa María de Paraños, unha construción do século XVIII acompañada dun pequeno cemiterio con tumbas de principios do século XX. Deixamos a nosa dereita á igrexa e continuamos pola estreita rúa flanqueada por casas de construción tradicional ata chegar a un camiño estreito que nos interna no sendeiro do río Xabriña.

Este sendeiro está moi ben sinalizado. Chegando á primeira encrucillada, podemos elixir entre visitar os Muíños do Outeiro ou seguir a Ruta que comezamos. Apostamos por continuar o sendeiro, e ao pouco, atopámonos co primeiro muíño, chamado “Fundego”, onde hai unha belida fervenza. Poucos metros máis adiante acadamos unha ponte de madeira chamada “A Lagoa” e outra sinal que conduce a Ruta dos Muíños de Mouriscados, pasamos a outra orela e seguimos río arriba, ata atoparnos coa “Fonte da Fame”, unha peculiar fonte á que se accede por unha escaleira de madeira, chamada así porque din que a súa auga estimula o apetito.

Perante todo o percorrido hai carteis que amosan fermosos poemas de diferentes poetas. Por exemplo, este de Manuel María, titulado “A Bidueira”, que dí:

¡Que branca é a bidueira!
¡Cara ó ceo anda a soñar!
¡Feita zoca, anque non queira,
Moita lama ha de tripar!

Pasamos por dous muíños, “Las Medelas” y “Paquito” ata alcanzar unha ponte peonil de Outeiro que atravesamos para pasar a outra ourela.

Deixando a ponte ás nosas costas pasamos entre dous muíños seguindo a levada deles, tendo como acompañante o serpeante río á nosa dereita, ata chegar un punto onde subimos para acadar unha pequena pista que nos leva ao Área recreativa do Roupeiro.

Continuamos, atravesando o área subindo un pequeno camiño que vai ao pé doutra levada de muíño. Chegamos á poza de Brea onde podemos darnos un mergullo. Máis adiante está a Poza do Demo, un pequeno canón onde hai varias fervenzas. Continuamos pola levada doutro muíño ata chegar a un terraplén que subimos por uns chanzos feitos no propio terreo marcados con madeira, para dar cunha pequena estrada. Collemos á esquerda e continuamos por ela ata chegar ao punto de partida.

As fotografías desta páxina foron feitas cunha máquina reflex Nikon D7100 – Nikon DX AF-S NIKKOR 18-105mm 1:3,5-5,6 G ED.

Publicado o 15/08/2019

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s