VILAS E CIDADES: MONDARIZ-BALNEARIO (PONTEVEDRA)

É o municipio máis pequeno de Galicia. Conta cunha superficie de tan só 2,31 km2, e con 637 habitantes, segundo marca o IGE ao 1 de xaneiro de 2020. Está situado na provincia de Pontevedra e pertence á comarca do Condado.

Neste pequeno lugar, a finais do século XIX, os irmáns Peinador, crearon un emporio balneario que puxo a Mondariz e a Galicia no punto de mira de multitude de personaxes de renome internacional que visitaban o lugar para descansar ou tomar as augas.

Entre 1870 e 1872 chegou a Mondariz Sabino Enrique Peinador Vela, licenciado en Medicina e Cirurxía, do que se dicía que “descubrira” o manancial da Gándara. O seu mérito, en compañía do seu irmán Ramón, licenciado en Dereito, foi o de ser o primeiro que deu aplicación ás augas, as analizou e obtivo a declaración de utilidade pública polo Goberno do Estado, xunto coa súa concesión. A partir de aquí, dentro da finca pechada, propiedade da familia Peinador, ao redor da fonte da Gándara, e antes do comezo da construción do Gran Hotel en 1893, foron edificando diferentes edificios: A primeira Casa de Baños-Fonda en 1880; entre 1884 e 1886 un pavillón para salóns de recreo e comedor e outro para cortellos, obradoiros e cocheiras; e, os primeiros chalés en 1889. De todas estas construcións, quedan en pé algunhas ruínas, como a casa de máquinas, destinada a albergar as caldeiras e a produción de electricidade para o balneario ou os muros dalgún chalé:

O trinta de agosto de 1893 poríase a primeira pedra do Gran Hotel Balneario, cuxo mestre de obras foi Jenaro de la Fuente Domínguez, inaugurado en 1898, xunto cunha capela no medio do bosque, cuxa Virxe do Carme era a patroa do balneario. Este gran edificio, que contaba na parte traseira cunha horta con invernadoiro, estaba rodeado de fermosos xardíns con árbores de todo tipo, fontes, bancos e campos de xogos, para goce e uso da clientela que ía tomar as augas. Na parte coñecida como “bosque”, onde estaba a capela, á que se accedía por grandes escalinatas de pedra, aínda se poden ver hoxe diferentes pezas de orixe románica procedentes de varias igrexas e algunhas esculturas, que Enrique Peinador colocara a modo de museo etnográfico.

Fotografía do Gran Hotel, publicada no suplemento “Mondariz” da revista “La Temporada”, datado o 01/05/1915, ano I, número 1.

O Establecemento balneario, ofrecía ademais, xunto coas máis completas e modernas instalacións, unha ampla gama de servizos: o Museo Etnográfico instalado nos xardíns do “Bosque”; a moderna granxa agrícola de Sanmil (Pías); o Asilo de pobres no barrio de Troncoso; unha imprenta propia onde editaban diversas publicacións, entre as que se atopaba o semanario local “La temporada en Mondariz”; ou, acuñar moedas que circulaban internamente no Balneario.

Chegado o ano 1899, había en Mondariz, segundo se indica no álbum guía “Las aguas de Mondariz”, publicado polo propio Establecemento, máis de trinta hoteis, fondas, casas de hospedes e apousentamentos, onde podían atopar albergue todas as clases sociais. Algúns dos mesmos aínda conservan as ruínas dos seus muros na actualidade.

Enrique Peinador Lines, fillo de Enrique Peinador Vela, faise cargo en 1907, da dirección balnearia e continua co labor comezada polo seu pai, planificando, durante o primeiro terzo do século XX, a construción dunha serie de edificios que mellorarían notablemente o complexo termal. A partir de 1908, encargaba a Antonio Palacios, — de quen era amigo—, o proxecto da fonte da Gándara; o da fonte de Troncoso; o edificio de La Baranda, —lugar dedicado a actividades comerciais—; o edificio de Comunicacións postais e Dirección Médica; e, un novo Hotel-Sanatorio, destinado a tratar a artrite, cuxa construción alongaríase no tempo e quedaría interrompida co falecemento do seu pai en 1917, pero rematado a principios deste século XXI. Todos eles de estilo modernista:

A fonte da Gándara atópase dentro do recinto do antigo Gran Hotel. Para albergar esta fonte, o arquitecto Palacios deseñou un edificio cuxa aparencia estivera en consonancia co elegante edificio do Gran Hotel, con dúas partes claramente diferenciadas: a parte da fonte da Gándara e a parte que ocupaba a fábrica embotelladora de Augas de Mondariz. O edificio que alberga a fonte, consérvase na actualidade en perfectas condicións, pois non foi afectado polo incendio que sofreu o Gran Hotel en 1973. Mide uns 28 cm. de alto, rematado nunha cúpula de bronce e cristal, rodeada doutras cúpulas achafranadas, sostidas por grandes columnas de granito rematadas en capiteis vexetais. O Palacio da Auga que completa hoxe en día o complexo termal de Mondariz-Balneario, ocupa o edificio que albergaba a vella fábrica embotelladora, contiguo á fonte da Gándara.

A fonte de Troncoso situada nun terreo coñecido polos paisanos co nome de Saidoiro, era nas súas orixes só unha charca con burbullas de auga mineral que quedaba anegada cando crecía o río Tea. A partir de 1862, por encargo do párroco desta localidade de Mondariz, realízanse unhas pequenas construcións, e convértese nunha pequena fonte, onde accedían as persoas enfermas a tomar as augas. Coa morte do párroco, Enrique Peinador Vela merca en 1886 a finca na que se atopaba, e comeza un longo litixio co concello de Mondariz que defendía que as augas eran públicas. O preito resólvese en 1905, a favor dos Peinador, pero non sería ata o ano 1910, cando o arquitecto Antonio Palacios, por encargo de Enrique Peinador Lines, concluiría a súa rehabilitación, construíndo un fermoso edificio. A construción consta de dous corpos de planta rectangular: un diáfano, no que está situado a fonte cuberta cunha marquesiña, pechado cun enreixado de ferro forxado, accesible ao público; e, outro, con fachada de granito, onde estaba a planta de embotellados. Hoxe podemos contemplar o deterioro producido polo abandono, non só dos seus propietarios, Balneario de Mondariz, senón tamén das propias autoridades, chegando ao derrube total dun dos tellados dos dous corpos no que está dividida a construción, segundo se pode ver nas imaxes realizadas en abril de 2021.

En 1915 Enrique Peinador Lines inaugura o Teatro-Cine con capacidade para catrocentas persoas, construído fronte a fachada traseira do Gran Hotel; e, nace a revista mensual “Mondariz”, como suplemento de “La Temporada”, dirixida por Ramón Cabanillas.

Como homenaxe a Enrique Peinador Vela, inaugúrase en 1919, unha escultura realizada polo escultor sevillano Lorenzo Coullaut Varela, situada no paseo central do Balneario.

A fama do Balneario traspasara fronteiras, estaba considerado como un dos mellores establecementos españois e estranxeiros; rivalizaba con outros grandes balnearios como Baden-Baden en Alemaña ou Bath en Londres. Visitado por xentes procedentes de diversos países americanos, como Estados Unidos, Porto Rico, Uruguai, Brasil, Chile, México; e europeos como Portugal, Inglaterra, Francia e Alemaña. Entre as grandes personaxes que o visitaron atópanse, por nomear algúns, José Echegaray, Galdós, a familia real de Portugal, Isaac Peral, Isabel de Borbón, John Rockefeller II, o arcebispo de Westminster, Miguel Primo de Rivera ou o sultán Muley Haffid; e, outras ilustres galegas como Emilia Pardo Bazán (unha asidua desde 1887 ata a súa morte), que xunto con Alfredo Vicenti, Curros Enríquez, Basilio Álvarez, Noriega Valera, Manuel Murguía, Vicente Risco, Ramón Cabanillas (que dirixía o labor editorial da publicación Mondariz, suplemento de “A Temporada”) eran fieis colaboradores das publicacións do balneario; convertido tamén nun punto de referencia para a cultura galega, no que celebraban actos como os realizados a Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto, daquela novos membros da Real Academia Galega, ou a homenaxe a Murguía.

A consecuencia da progresiva autonomía experimentada polo Establecemento e o gran desenvolvemento experimentado ao seu redor, constitúese, o 30 de novembro de 1924, o novo concello que recibe o nome de Mondariz-Balneario, ostentando o título de “Moi Hospitalaria Vila” concedido por Alfonso XIII o 17 de abril de 1925.

Na actualidade, o emporio balneario está totalmente reconvertido. Logo de que o Gran Hotel fora pasto da chamas no ano 1973, e fora esquecido e abandonado ata principios do século XXI, pódese ver o seu edificio reconstruído e rematado no 2004, no que respectaron a fachada orixinal, pero que converteron en apartamentos de uso residencial; conservando os vellos xardíns o palco da música, os estanques, as fontes e as árbores centenarias:

O edificio do Hotel-Sanatorio foi recuperado a principios do século XXI, rematando a súa construción cunha cúpula de aire clásico. Este edificio, xunto co de La Baranda, forman na actualidade, o novo Hotel Balneario.

FONTES:

Álbum-guía “Las aguas de Mondariz”. 1899

Mª José Rodríguez Molina e José Ramón Sanchis Alfonso (2013). Directorio de fotógrafos en España (1851-1936). Archivo General y Fotográfico de la Diputación de Valencia.

María Jesús del Castillo Campos (Madrid, 1992). Historia del Balneario de Mondariz hasta 1936.“

Ricardo Gurriarán. “Enrique Peinador Lines e Mondariz”. Foro Enrique Peinador. Imprime Grupo Academia Postal.

“El Tea”. Ano III. Puenteareas (Pontevedra). Num. 74. 12/02/1910.

Real Academia Galega. Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia. Europeana.

Traballo realizado por Enrique Orche García e María Pilar Amaré Tafalla: La emblemática fuente de Troncoso (Mondariz, Pontevedra) la inacción que ha conducido a la ruina de este sobresaliente patrimonio minero. Revistes UPC – ID Entidades – Laboratorio Internacional de Paisajes Culturales.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s